miércoles, 27 de marzo de 2019

VÍDEOS SOBRE A IGUALDADE EN INGLÉS



En inglés, tamén traballamos a igualdade! Estes son algúns dos vídeos que o noso alumnado elaborou en relación a este tema. Son magníficos traballos que paga a pena visualizar con calma. Noraboa rapaces e rapazas!

Olive
Mine
Couples
Stereotypes
Sexist comments

viernes, 15 de marzo de 2019

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Se algo temos claro no noso centro, é a necesidade de pelexar contra calquera tipo de violencia. CALQUERA. Para iso, o alumnado primeiro ten que recoñecela, para despois poder combatela. Neste sentido, os diferentes departamentos de linguas traballaron na aula textos sobre esta temática, fixeron cartelería, montaron paneis con lemas en contra da violencia, crearon vídeos... 
Tamén ese día, na hora do proxecto lector, un batallón literario formado por rapaces e rapazas de 2º da ESO foi polas aulas e leu o manifesto que unha alumna de 3º ESO (Claudia Sánchez) escribiu. 
Outra alumna (Jennifer Santos) foi a creadora do fermoso cartel que luciu na entrada do Otero Pedrayo. 
A Cruz Vermella tamén se sumou á celebración e desenvolveu unha  actividade  arredor da efeméride. 
Todas as aulas, bilioteca, laboratorios, sala de profes... apareceron e manterán durante todo o curso o lema  NON É NON. 
Todo, todos e todas contra a violencia!
Aquí vos deixamos algunha foto que mostra o traballo feito arredor do 25 de novembro.








A POLICÍA FÁLANOS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

No mes de novembro, o alumnado de 3º da ESO tivo unha charla que os deixou sumamente impactados. O tema era a violencia de xénero e a ponente foi unha policía nacional. A realidade, respecto a esta cuestión, é sempre moi dura e á rapazada ten que coñecela.


MATRIA, de ÁLVARO GAGO



Matria foi a primeira curtametraxe que puidemos disfrutar no IES Otero Pedrayo. Conta a historia de Ramona, unha muller de mediana idade que vive co seu home(co que case nin se comunica) e traballa nunha fábrica de consevas dirixida por unha encargada despiadada. Ante os desafíos diarios que lle presenta a súa rutina diaria (desafíos terribles), Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. A curtametraxe é brutal! Foi o alumnado de 2º BAC o que a viu nun silencio total e o que tivo a oportunidade, posteriormente, de coñecer o seu director, Álvaro Gago. Foi un coloquio ameno, interensante e moi, moi proveitoso. Grazas ao Equipo de Dinamización Lingüística pola organización da actividade.




POR QUE SON PRECISOS 365 DÍAS DE RESPECTO E IGUALDADE?


      Ano tras ano, vimos observando na xente máis nova toda unha serie de prexuízos sexistas que, no canto de desaparecer, están en aumento. Cada vez detectamos máis casos de relacións adolescentes cargadas de violencia verbal e, incluso, ás veces, física. É por isto que nos vemos na obriga de traballar co noso alumnado esta temática, introducindo valores de igualdade e libres de estereotipos sexistas no ensino.
     Este traballo, constante, continuo, estamos levándoo a cabo este ano a través do programa  Por 365 días de respecto e igualdade, proxecto interdisciplinar e interdepartamental, dependente da Secretaría Xeral de Igualdade, da Xunta de Galicia.
     Os principais obxectivos son:

  • Proporcionarlle ao alumnado formación e ferramentas que lles permitan coñecer e recoñecer a violencia contra as mulleres.
  • Actuar na prevención de calquera tipo de violencia sexista, verbal ou física.
  • Fomentar a autoestima e a autonomía das nosas rapazas.
  • Eliminar estereotipos sexistas e falsas crenzas.
       Estes son os obxectivos que nos marcamos no  IES Otero Pedrayo e, a continuación, daremos conta das moitas actividades que estamos a desenvolver no presente curso para conseguilos. Comezamos!