miércoles, 3 de abril de 2019

TITORÍAS POLA IGUALDADE


     O departamento de orientación é clave neste proxecta Polos 365 días de respecto e igualdade que estamos a desenvolver no noso centro. Ao longo de todo o curso escolar ten  unha completísima programación  que ten como obxectivo principal a busca da igualdade entre nenos e nenas.
     Son varias as asociacións que colaboran con nós no desenvolvemento deste programa, desde a Cruz Vermella Xuventude, APES (Asociación, Prevención e Educación Social) ou a propia Concellería de Sanidade do Concello de Ourense.
     Do mesmo xeito, son moitas as temáticas que tratamos nas titorías a través das voluntarias e voluntarios que as anteriores asociacións nos mandan. Este abano de temas esténdese por toda a ESO, desde o 1º curso ata 4º. Destacaremos, por exemplo, o de:

  • Acoso escolar
  • Introdución á diversidade
  • Igualdade de xénero
  • Diversidade sexual
  • Violencia de xénero
  • Discriminación por razón de identidade sexual e/ou de orientación
  • Etc.
      Son charlas, obradoiros, xogos, vídeos... cos que os rapaces e rapazas están encantados e encantadas. Graza a Isabel Blanco, responsable do departamento de orientación, polo magnífico traballo que desenvolve no IES Otero Pedrayo.

CURSO DE DEFENSA PERSOAL


     A programación arredor do 8 de marzo, Día Internacional da muller, segue a dar froitos. Nesta ocasión,  foi un curso básico de defensa persoal a actividade que puideron disfrutar as alumnas de 2° Bac.
Un instrutor da Policía, Luis Robles, foi o encargado de darlles ás nosas rapazas unhas nocións básicas de como evitar unha posible agresión física. Despois de darlles uns breves consellos teóricos, practicaron como liberarse dun posible agresor en diferentes situacións nas que, oxalá que non, puideran verse algún día. Foi toda unha experiencia.
Recomendable 100%.





TEATRO: "GOLPES"



      Seguimos dando conta de máis actividades organizadas no IES Otero Pedrayo co gallo do Día Internacional da Muller. Neste caso foi a representación teatral de Golpes.
Estíbaliz Veiga interpreta maxistralmente a Pamela, moza que vén de sufrir violencia machista. Foi un espectáculo directo, próximo, sen trucos dramatúrxicos ou de escenografía. Foi magnífico.



CHARLA SOBRE AGRESIÓNS SEXUAIS E VIOLENCIA


          Aínda dentro do marco da programación organizada arredor do 8M, Día Internacional da Muller, o alumnado de 1° Bac tivo unha interesante charla sobre violencia sexual. O traballo a prol da igualdade é constante no IES Otero Pedrayo e todas estas actividades teñen como obxectivo conseguila.



CLUB DE LECTURA DE TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA


      Luns, de Eli Ríos, foi o libro escollido para que familias, alumnado e profesorado lera no club de lectura que puxemos en marcha no IES Otero Pedrayo. É unha das moitas actividades incluídas dentro da programación do Día Internacional da Muller. 
     O luns, 17 de marzo, reunímonos no Paraninfo coa escritora para pór en común aspectos do libro, e non só. Aproveitando a temática da violencia de xénero que trata a novela, creamos un espazo de debate, de reflexión, de sororidade.
     Foi unha experiencia tremendamente enriquecedora que repetiremos moitas máis veces. Seguro.
    Grazas a todas e a todos por participar e grazas a Eli Ríos polo seu compromiso, por estar sempre.




8M. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


        O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller e no IES Otero Pedrayo preparamos unha semana de actividades arredor desta data.
Comezamos o propio día saíndo ao Xardín do Posío e explicando brevemente o  por que da celebración. Logo,  varias alumnas leron o manifesto do noso centro. A continuación,  fixemos xogos cooperativos en igualdade e, por último, colocamos a pancarta no balcón do Otero. O lema é simple e directo: POLA IGUALDADE.
A partir daí, virá unha semana cargada de actividades, das que vos iremos dando conta.